Thursday 16 de May de 2024

Lorenzana subliña o papel do comercio dos Mallos na dinamización deste barrio coruñés


A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou diferentes establecementos do centro comercial aberto Distrito Mallos

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou esta tarde diferentes establecementos do centro comercial aberto Distrito Mallos, destacando o papel que xoga esta asociación e os negocios que forman parte da mesma na dinamización económica e social deste barrio coruñés, e a súa contribución á calidade de vida da cidadanía.
Durante a visita, Lorenzana subliñou a importancia de colaborar coas asociacións e federacións de comerciantes no impulso deste sector, que ten entre os seus principais retos a modernización e a dixitalización, sen deixar de lado a atención personalizada e a calidade que caracterizan ao comercio de proximidade.
Neste sentido, o centro comercial aberto Distrito Mallos participa cada ano no programa de apoios co que a Xunta de Galicia impulsa o labor que realizan estas asociacións na dinamización do comercio de proximidade, cuxa próxima convocatoria se prevé publicar no Diario Oficial de Galicia o próximo mes de marzo.

Dentro deste programa, no ano 2023 recibiron unha axuda da Administración autonómica de preto de 34.000 euros, cos que levaron a cabo diferentes iniciativas e campañas ao longo de todo o ano. Ademais, esta asociación coruñesa participou no programa do fondo tecnolóxico, impulsado pola Xunta de Galicia e financiado con fondos Next Generation, co que puxeron en marcha a app Eu Mallos.